Limiar

Ola. Son Helena Miguélez-Carballeira, profesora de estudos hispánicos na Universidade de Bangor, no norte de Gales. O meu medio natural até agora foron as publicacións académicas, mais decidín facer un blog para sistematizar e partillar traballo, lecturas e pensamento. O título do blog, Postcolonial Spain, refírese á veta primordial da miña investigación actual, centrada nas manifestacións culturais das moitas formas de conflito nacional interno en ‘España’, ao longo da historia e no momento contemporáneo. Neste medio escribirei reflexións (agardo que breves) sobre as moitas facetas deste conflito, centrándome naquelas que rachen cos límites da cultura do consenso (gardo un catálogo de expresións de sentimento anti-españolista, dende Bartolomé de las Casas a Albert Pla) ou aquelas que utilicen a parodia (partindo d’Os da Ría como paradigma). Aquí publicarei tamén notas mensuais de lecturas en feixes, por sistematizar impresións e socializar libros. Tres notas máis a modo de lenda, e remato. Cando utilizo o termo ‘cultura’, fágoo no senso de Raymond Williams, e non no de Harold Bloom. Por ser viguesa, teño un sentido práctico das cousas e tendo á expresión desintelectualizada. En canto á lingua, escribirei neste blog en galego ou en inglés. Ficamos – agora aínda máis – en contacto.

Leave a comment